Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 12 de xuño de 2023 Páx. 36128

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicos o lugar, a data e a hora de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de enfermeira/o, convocado pola Resolución do 15 de marzo de 2022.

A base 8.1.4 da Resolución deste centro directivo do 15 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 58, do 24 de marzo), modificada co fin de ampliar o número de prazas mediante as resolucións do 10 de xuño de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 116, do 17 de xuño) e do 30 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 5, do 9 de xaneiro de 2023), pola que se convocou concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a, establece que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar, data e hora que se fixen nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles.

De conformidade coa antedita base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas con carácter definitivo no concurso-oposición para o ingreso á categoría de enfermeira/o, convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 15 de marzo de 2022, para a realización dos exercicios que integran a fase de oposición, na data, hora e lugar que a seguir se indican:

Data: domingo, 25 de xuño de 2023.

Hora: 10.00 horas.

Lugar: Recinto da Feira Internacional de Galicia, avenida Recinto Feiral, s/n, Silleda (Pontevedra).

Segundo. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), sección de emprego público, as distintas portas de acceso ao recinto de realización das probas, así como os/as aspirantes asignados/as a cada unha delas.

Terceiro. Os/as aspirantes convocados/as que non comparezan na data e a hora fixadas nesta resolución serán excluídos/as do concurso-oposición. Non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán acudir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

A acreditación para o acceso ao lugar de realización das probas realizarase a través de código QR. Cada aspirante terá á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/expedient-e), desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a acreditación persoal con código QR, que deberá imprimir e presentar o día do exame ao persoal colaborador da porta que lle foi asignada, e que lle permitirá o acceso ao interior do lugar de realización das probas.

O código QR conterá información do lugar, a data e a hora de realización dos exercicios, así como a porta de acceso que corresponde a cada aspirante.

Co obxecto de axilizar a entrada ao recinto, a persoa aspirante debe ter á man ambos os documentos: código QR e documento de identidade.

Non se lles permitirá o acceso ao interior do recinto de realización das probas aos/ás aspirantes que non presenten o código QR impreso.

Quinto. Os/as aspirantes deberán respectar as seguintes indicacións:

1ª. O/a aspirante deberá asistir á realización das probas co material mínimo indispensable. Este material irá nun só bolso ou mochila, de tamaño pequeno, que cada aspirante levará sempre consigo e que, durante a realización do exame, deberá situar no chan.

2ª. Non estará permitido o acceso do/da aspirante ao interior do recinto con alimentos, agás causa médica xustificada.

3ª. Todos/as os/as aspirantes presentados/as ás probas selectivas terán á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) o certificado de asistencia ao exame, a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios. Non se facilitará ningún certificado no lugar de realización das probas.

Sexto. De conformidade co establecido na base 8.1.4 da resolución de convocatoria, realizaranse na mesma data os distintos exercicios que integran a fase de oposición, en unidade de acto e de tempo, pola seguinte orde: en primeiro lugar, o exercicio da parte común; a continuación, o exercicio da parte específica, e por último, o exercicio de coñecemento da lingua galega.

No marco das previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitiralles ás mulleres embarazadas ou que desen a luz nese día ou días antes, e que por estes motivos estean ingresadas o día do exame, facer os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo nun centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. Realizarán, así mesmo, os exercicios no centro hospitalario aquelas embarazadas en situación de incapacidade temporal ou parto recente (unha semana) que por razón desas situacións non poidan desprazarse ao lugar de realización das probas. En execución da Resolución do 15 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican diversos acordos adoptados pola Mesa sectorial de negociación en materia de protección das persoas traballadoras durante o embarazo (Diario Oficial de Galicia núm. 223, do 22 de novembro), con base no I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024), a muller que estea de parto o día en que teñan lugar os exercicios da oposición, e non sexa posible realizarlle a proba no hospital, poderá efectuala dentro dos 15 días seguintes á realización das probas.

O Servizo Galego de Saúde desprazará o día do exame, á mesma hora, a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que tivesen posto en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame, a situación de embarazo ou posible parto e a súa vontade de realizar a proba no centro sanitario para o suposto de estar ingresadas na data da súa realización, e se tivese recibido na Dirección Xeral de Recursos Humanos comunicación e xustificación do seu ingreso en centro hospitalario por tal motivo con anterioridade á realización dos exercicios.

Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de desprazamento a centro sanitario pola causa exposta que consten debidamente xustificadas na Dirección Xeral de Recursos Humanos cunha antelación mínima de cinco horas á publicada no Diario Oficial de Galicia como hora de inicio das probas. Para os efectos do disposto nesta base, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

Aquelas aspirantes que non comunicasen no prazo establecido no punto anterior a súa vontade de realizar o exercicio nun centro hospitalario e estean de parto o día do exercicio deberán comunicar a dita circunstancia o mesmo día do exame mediante correo electrónico dirixido ao enderezo de correo oposicions@sergas.es solicitando a realización do exercicio noutra data. O exame realizarase nos quince días seguintes á realización das probas, logo de comunicación da data polo Servizo Galego de Saúde á/s interesada/s.

Sétimo. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios non se poderán utilizar auriculares nin manipular de ningunha maneira aparellos electrónicos, tecnoloxía dixital, telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria. Está prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos e non se habilitará no recinto ningún servizo para a súa recollida.

Oitavo. Esta resolución poderá ser impugnada polas persoas interesadas nos termos previstos na base 11.2 da resolución de convocatoria.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos