Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Sábado, 31 de outubro de 2020 Páx. 43475

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 30 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Ferrol, Neda, Narón e Fene.

I

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de xeito puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do dito punto sexto ditouse a Orde do 21 outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Na dita orde prevese que as medidas de prevención contidas nela serán de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de modo temporal, por un período de catorce días naturais desde a publicación da orde. En todo o previsto na dita orde, e no que sexa compatible con ela, serán de aplicación as medidas que, con carácter xeral, se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente. Non obstante, a orde precisa que, naqueles ámbitos territoriais en que, atendida a concreta evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria existente neles, se adoptasen ou se adopten, por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, medidas máis estritas que as contidas na presente orde, observarase, respecto desas medidas máis estritas, o disposto na orde correspondente durante o período a que se estenda a eficacia de tales medidas.

Con posterioridade, polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial esténdese, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00:00 horas do día 9 de novembro de 2020, tendo sido autorizada a prórroga polo Congreso dos Deputados ata o 9 de maio de 2020.

Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da Comunidade Autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En concreto, no artigo 5 recóllese, como medida eficaz en todo o territorio nacional, coa excepción de Canarias, desde a entrada en vigor do real decreto, a limitación da liberdade de circulación das persoas polas vías ou espazos de uso público durante o período comprendido entre as 23.00 e as 6.00 horas, salvo as excepcións previstas no precepto, e coa posibilidade de que a autoridade competente delegada correspondente poida determinar, no seu ámbito territorial, que a hora de comezo da limitación sexa entre as 22.00 e as 00.00 horas e a hora de finalización da dita limitación sexa entre as 5.00 e as 7.00 horas. E nos artigos 6 a 8 recóllense medidas relacionadas coa limitación da entrada e saída de persoas nas comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía, coa limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos e privados e coa limitación da permanencia de persoas en lugares de culto. As ditas medidas, conforme o disposto no artigo 9.1, serán eficaces no territorio de cada comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía cando a autoridade competente delegada respectiva o determine, á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, logo de comunicación ao Ministerio de Sanidade e de acordo co previsto no artigo 13, e a eficacia da medida non poderá ser inferior a sete días naturais. Polo demais, conforme o artigo 10, a autoridade competente delegada respectiva poderá modular, flexibilizar e suspender a aplicación das medidas previstas nos artigos 6, 7 e 8, co alcance e ámbito territorial que determine. Así mesmo, de acordo co artigo 11, poderá impoñer no seu ámbito territorial a realización das prestacións persoais obrigatorias que resulten imprescindibles no ámbito dos seus sistemas sanitarios e sociosanitarios para responder á situación de emerxencia sanitaria que motiva a aprobación do real decreto.

Ao abeiro do marco normativo derivado do estado de alarma ditouse o Decreto 178/2020, do 30 de outubro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

No que atinxe á comarca de Ferrolterra, no dito decreto prevese a medida de limitación de entrada e saída de persoas, agás polas excepcións do artigo 6.1 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, no ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda . Ademais, nestes catro concellos a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará limitada aos grupos constituídos só por persoas conviventes, coas excepcións previstas no punto segundo do dito decreto. As ditas medidas producen efectos desde as 15:00 horas do 30 de outubro de 2020 e deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento. En todo caso, serán revisadas nun período máximo de 7 días.

Agora ben, as medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, non esgotan todas as que poden ser adoptadas para facer fronte á crise sanitaria. Neste sentido, como prevé expresamente o artigo 12 do real decreto, cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente, así como a xestión dos seus servizos e do seu persoal, para adoptar as medidas que considere necesarias, sen prexuízo do establecido no real decreto. No mesmo sentido, salienta a exposición de motivos do real decreto como, durante a vixencia do estado de alarma, as administracións sanitarias competentes en saúde pública, no non previsto nesa norma, deberán continuar adoptando as medidas necesarias para afrontar a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19, conforme á lexislación sanitaria, en particular, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, así como na normativa autonómica correspondente.

En consecuencia, como sinala a parte expositiva do Decreto 178/2020, do 30 de outubro, as medidas previstas no dito decreto deben entenderse sen prexuízo daquelas complementarias que se adopten por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade e coas actualmente vixentes, no que sexan compatibles co disposto no decreto.

II

Tendo en conta o disposto anteriormente, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 30 de outubro de 2020, sobre a comarca de Ferrolterra, indícase que a incidencia acumulada a 3 e 7 días na comarca de Ferrol amosa unha clara tendencia ascendente, cun número reprodutivo instantáneo desde o inicio do brote superior a 1, que indicaría que cada caso pode, pola súa vez, xerar máis dun caso secundario. Destacan sobre todo as taxas acumuladas nos últimos 14 días de Neda e Fene, ademais de Ferrol e Narón, con declaración de casos diariamente nos últimos 14 días. A evolución da taxa estimada para o total da comarca é ascendente nas últimas tres semanas, tanto a 3, 7 como a 14 días. Ao respecto da taxa estimada para Galicia, é 1’9 veces maior a 3 días, 1’8 veces maior a 7 días e 1’5 veces maior a 14 días. Este brote está a presentar características de risco alto tales como a taxa de incidencia a 3 días, o número de contactos con PCR positiva relacionados con 1 caso na área e período de investigación do brote e a porcentaxe de probas PCR positivas na área e período de investigación do brote. Ademais, amosa as taxas máis altas no grupo de idade de 20-24 anos, en que a infección pode ser asintomática ou pauciasintomática, o que pode favorecer a difusión do virus ao non adoptarse as medidas. Por outra banda, Fene, Neda, Narón e Ferrol son concellos cunha convivencia moi estreita entre eles, tanto a nivel laboral como social. Os catro concellos supoñen unha porcentaxe moi elevada da poboación atendida na área sanitaria de Ferrol, o que suporía unha sobrecarga asistencial importante no caso de seguir aumentando o número de casos. Así, á vista da situación epidemiolóxica actual, o informe recomenda o establecemento de medidas de prevención específicas respecto de limitacións de capacidade para determinadas actividades, así como a adopción das medidas de peche perimetral de Ferrol, Neda, Fene e Narón e limitación de grupos só a conviventes, medidas estas últimas xa adoptadas polo Decreto 178/2020, do 30 de outubro, do presidente da Xunta de Galicia, antes citado.

Polo tanto, tendo en conta o indicado no dito informe e tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico reunido para estes efectos, a situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda fai necesaria, ademais das medidas previstas no Decreto 178/2020, do 30 de outubro, antes citado, a aplicación de medidas máis restritivas respecto da limitación de capacidade para o desenvolvemento de determinadas actividades.

No non previsto para os ditos concellos no Decreto 178/2020, do 30 de outubro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, e nesta orde, e no que resulte compatible con eles, serán de aplicación as medidas de prevención específicas contidas na Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e, no que sexa compatible co decreto e coas ordes citadas, no Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 citado.

Por último, as medidas previstas nesta orde terán unha vixencia de catorce días naturais ao ser o período de tempo que se considera necesario para poder valorar debidamente a súa eficacia no control e na contención da evolución da pandemia no ámbito territorial afectado. Non obstante, deberán ser obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun prazo non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación, en todo momento, á situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma, e poderán, en consecuencia, ser modificadas ou levantadas con anterioridade á expiración do dito prazo de catorce días naturais.

III

As medidas que se adoptan na presente orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en saúde pública, no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Na dita lexislación sanitaria non se recolle unha lista pechada de medidas de prevención, senón que poderán adoptarse, de acordo cos principios de precaución e de proporcionalidade que deben rexer as actuacións en materia de saúde, as necesarias para facer fronte ao concreto risco sanitario de que se trate.

Por outra banda, as medidas de prevención que se recollen nesta orde teñen un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como a que nos ocupa, e a vixilancia, a inspección e o control do seu cumprimento corresponde aos concellos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas (artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia), das competencias dos concellos do control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía, dos lugares de convivencia humana (artigo 80.3 da lei citada), así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

Polo tanto, os alcaldes e alcaldesas, como autoridade sanitaria, deben garantir nas referidas actividades, servizos e lugares de convivencia humana os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía (artigo 33.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia) e, polo tanto, garantir a vixilancia, a inspección e o control do cumprimento das medidas preventivas aprobadas pola Administración autonómica e daquelas que, no seu desenvolvemento e atendendo á situación concreta, poida establecer o correspondente concello.

Así mesmo, as forzas e os corpos de seguridade teñen un papel fundamental no necesario control do cumprimento das medidas de prevención, papel que veñen desempeñando durante toda esta crise sanitaria, a través da formulación das correspondentes denuncias e remisión ás autoridades competentes, nos casos en que se detecte o seu incumprimento. Debe recordarse a este respecto que o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Tendo en conta a existencia dunha declaración de emerxencia sanitaria, resulta esencial a colaboración das forzas e corpos de seguridade coa finalidade de preservar a seguridade e a convivencia cidadás.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente nos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e alcance

1. O obxecto desta orde é establecer medidas de prevención específicas nos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos ditos concellos.

2. As medidas contidas nesta orde son complementarias das previstas, en relación con estes concellos, no Decreto 178/2020, do 30 de outubro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, durante o período a que se estendan as ditas medidas.

En todo o non previsto respecto destes concellos no dito decreto e na presente orde, e no que sexa compatible con ambos, aplicarase o disposto na Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, así como, no que sexa compatible co referido decreto e con ambas as ordes, o disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Segundo. Medidas de prevención específicas

Serán de aplicación, nos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda, as medidas de prevención específicas recollidas no anexo.

Terceiro. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde, e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía, corresponderán aos respectivos concellos dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

3. As forzas e corpos de seguridade darán traslado das denuncias que formulen, polo incumprimento das medidas de prevención, ás autoridades competentes.

Cuarto. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 1 de novembro de 2020 e manterá a súa eficacia por un período de catorce días naturais.

Non obstante o anterior, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da comarca de Ferrolterra. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas antes do transcurso do período de catorce días naturais previsto no parágrafo anterior por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Medidas de prevención específicas nos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda

Nos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda aplicaranse as restricións específicas previstas a continuación.

1. Celebracións con motivo de cerimonias relixiosas ou civís.

As celebracións que poidan ter lugar tras cerimonias relixiosas ou civís en establecementos de hostalaría e restauración axustaranse ás condicións e á capacidade previstas para a prestación do servizo nestes establecementos.

En calquera caso, estas celebracións posteriores á cerimonia propiamente dita deberán respectar un máximo de cincuenta persoas en espazos ao aire libre ou de vinte e cinco persoas en espazos pechados.

2. Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación e actividade formativa xestionada ou financiada pola Administración autonómica en centros e entidades de formación.

A actividade que se realice nestes centros poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do cincuenta por cento respecto da máxima permitida.

3. Establecementos de hostalaría e restauración.

1. Os restaurantes non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade na zona de comedor para o servizo de comida.

Nos bares e cafetarías non se poderá consumir no interior do local.

2. O consumo dentro do local nos restaurantes poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo na barra e na zona de cafetaría ou bar.

3. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao cincuenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou no que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto no primeiro parágrafo deste número 3, respectando, en todo caso, unha proporción do cincuenta por cento entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se sitúe a terraza.

4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas, e deberán ser todas elas conviventes. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas.

5. Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada, sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas. No caso de que estivese en vigor unha limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, os clientes deberán abandonar o establecemento antes da hora de comezo da limitación.

6. As medidas contidas nos números 3, 4 e 5 serán tamén de aplicación ás terrazas dos establecementos de lecer nocturno.

7. Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores deles ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes, poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas e deberán ser todas elas conviventes.

4. Condicións para ocupación de zonas comúns de hoteis e aloxamentos turísticos.

As actividades de animación ou clases grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de cinco persoas, sexan ou non conviventes, incluídos os monitores, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

5. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outras infraestruturas culturais.

Na realización de actividades culturais nestes espazos aplicarase un máximo de ata cinco persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

6. Actividade en cines, teatros, auditorios, circos de toldo e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

En calquera caso, será de aplicación un límite máximo de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e de cento cincuenta persoas se se trata de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

7. Actividades e instalacións deportivas.

A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que, neste último caso, todas as persoas do grupo sexan conviventes, sen contar, se é o caso, o monitor.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

8. Celebración de eventos deportivos, de adestramentos e de competicións deportivas con público.

A celebración de eventos deportivos, adestramentos, competicións deportivas que se celebren en instalacións deportivas ou na vía pública poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado, que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida da instalación ou do espazo de que se trate e cun límite de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e cento cincuenta persoas se se trata de actividades ao aire libre, logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

9. Praias e piscinas.

Nas praias e nas zonas de estadía das piscinas establecerase unha distribución espacial para manter distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios e os grupos deberán estar constituídos só por persoas conviventes.

10. Especificidades para determinadas actividades turísticas.

Poderán realizarse actividades de turismo, organizadas por empresas habilitadas para iso, e a actividade de guía turístico, para grupos de ata un máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

11. Centros de información, casetas e puntos de información.

Nos centros de información, casetas e puntos de información e espazos similares non se poderá exceder o cincuenta por cento da súa capacidade e deberá respectarse o máximo de cinco persoas nas actividades de grupos, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

12. Realización de actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil.

1. Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil cando estas se leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao cincuenta por cento da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de cincuenta participantes, incluídos os monitores. Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o cincuenta por cento da capacidade máxima do recinto, cun máximo de vinte e cinco participantes, incluídos os monitores.

2. As actividades deberán realizarse en grupos de ata cinco persoas participantes, sexan ou non conviventes e incluíndo os monitores correspondentes, que deberán traballar sen contacto entre os demais grupos.

13. Uso de espazos públicos.

Os centros cívicos e sociais poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao cincuenta por cento e que se extremen as medidas de protección nas actividades socioculturais de tipo grupal que se realizan neles cun máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía para as actividades grupais.

14. Centros recreativos turísticos ou similares.

As visitas de grupos serán dun máximo de cinco persoas, sexan ou non conviventes e incluído o monitor ou guía, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

15. Celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares.

Poderanse celebrar congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias e eventos e actos similares promovidos por calquera entidade, de natureza pública ou privada, sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade permitida do lugar de celebración, e cun límite máximo de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e cento cincuenta persoas se se trata de actividades ao aire libre, logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

O recollido neste número será tamén de aplicación para reunións profesionais, xuntas de comunidades de propietarios e eventos similares.

16. Establecementos e locais de xogo e apostas.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas, e deberán ser todas elas conviventes. En calquera caso, deberase respectar un máximo de cincuenta persoas en espazos ao aire libre ou de vinte e cinco persoas en espazos pechados. En caso de dispoñer tamén de servizos de hostalaría, seralles aplicable a prohibición do consumo no interior do local establecido para os ditos establecementos.

17. Limitación de capacidade para outros locais ou establecementos comerciais.

1. Con carácter xeral, calquera outro local ou establecemento comercial para o cal non se recollan expresamente unhas condicións de capacidade na presente orde, nin en protocolos ou normativa específica que lle sexa aplicable, non poderá superar o cincuenta por cento da capacidade autorizada ou establecida. En calquera caso, deberase respectar un máximo de trinta persoas para lugares pechados e de setenta e cinco persoas se se trata de actividades ao aire libre.

Non obstante, poderase ampliar o límite indicado ata un máximo de cincuenta persoas para lugares pechados e de cento cincuenta persoas se se trata de actividades ao aire libre, logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

O disposto neste número 1 non será de aplicación nos establecementos comerciais de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade, establecementos farmacéuticos, servizos médicos ou sanitarios, ópticas, produtos ortopédicos, produtos hixiénicos, salóns de peiteado, prensa e papelaría, combustible para a automoción, estancos, equipamentos tecnolóxicos e de telecomunicacións, alimentos para animais de compañía, comercio pola internet, telefónico ou correspondencia, tinturarías e lavandarías, sen prexuízo da necesidade de cumprir as obrigas xerais previstas nesta orde e as medidas xerais de hixiene e protección.

2. As actividades en grupos deberán realizarse cun máximo de cinco persoas participantes, sexan ou non conviventes e incluídos os monitores, guías ou encargados correspondentes, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes

3. En calquera caso, poderase suspender a actividade de calquera establecemento que, ao xuízo da autoridade competente, poida supor un risco de contaxio polas condicións en que se estea desenvolvendo.