Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 21 de setembro de 2020 Páx. 36822

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2020 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 29 de novembro de 2017 (DOG núm. 228, do 30 de novembro), convocouse concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario de xestión e servizos.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 11 de decembro de 2017 (DOG núm. 243, do 26 de decembro), convocouse concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario, licenciado sanitario de atención primaria, sanitario diplomado e de formación profesional.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 29 de novembro de 2018 (DOG núm. 234, do 10 de decembro), convocouse concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario das categorías de facultativo/a especialista de área, médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a de admisión e documentación clínica, médico/a asistencial do 061 e técnico/a en farmacia.

Mediante a Resolución deste mesmo centro directivo, con data do 27 de maio de 2020 (DOG núm. 108, do 4 de xuño), publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as así como a oferta de destinos correspondente ao ciclo de adxudicación do ano 2020.

De conformidade co previsto nas bases 3.5.1), 8.3) e 8.4) da Resolución do 20 de novembro de 2017 pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de Saúde de Galicia (DOG núm. 227, do 29 de novembro), logo de finalizada a análise das reclamacións presentadas contra a listaxe de admitidos/excluídos, así como a baremación dos méritos alegados e acreditados polos/polas concursantes, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación definitiva de solicitantes admitidos/as e excluídos/as no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2020 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

Segundo. Declarar resolto provisionalmente o antedito concurso, coa publicación das puntuacións e destinos provisionalmente asignados.

As listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as por categoría, as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais, se é o caso, asignados están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/pola concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, as persoas excluídas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao desta publicación.

Cuarto. De conformidade coa base oitava da Resolución do 20 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, os/as concursantes admitidos/as disporán dun prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.

Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva, que aprobará a autoridade convocante e que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2020

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos