h1

Cando teño unha consulta xa solicitada e con cita por calquera das fórmulas coas que conta o sistema sanitario, nalgúns centros sanitarios da Área Sanitaria de Ferrol podo facer uso do Sistema Quendas ó chegar. Atoparei este sistema Quendas nos centros de sáude de Fene, Narón e Fontela Maristany en Ferrol; ou no Centro de Especialidades e Hospital de Día do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que facilita concretar a miña citación. 

Quendas ordena o acceso e protexe os datos e a intimidade da poboación. Os citados centros contan cunhas máquinas para coller un papel que xa indica cuns códigos a información aglutinada sobre a miña cita: o andar no que se producirá a atención, a porta, e a correspondente quenda para a consulta.
 
Imaxe Quendas.PNG 
 
Quendas implica que a persoa que acude á cita solicitada acceda xa á información correspondente á súa visita recopilada nun só tícket, cando chega ó centro sanitario, evitando as dúbidas de a onde acudir e se ten que avisar ou non da chegada.
 
Coa Tarxeta Sanitaria, nestas máquinas xa se recollen as indicacións que se imprimen nun papel.
 
Este rexistro previo permite igualmente que os profesionais xa identifiquen que o paciente está na sala, polo que non é necesario dar conta de que se ten chegado á cita.
 
Na sala de espera, unha pantalla reflicte os códigos impresos no papel e indica cando corresponde o inicio da atención e a que porta dirixirse. En paralelo, o listado de códigos de citas vaise movendo cun son de aviso, para alertar o paciente que espera pola súa quenda.
 
Se hai algún problema coa Tarxeta Sanitaria, a causa de, por exemplo, un problema de lectura da banda magnética, é posible o acceso a Quendas co número do DNI.