h1

1 - IMAGEN APARTADO SEGURIDAD.jpg 
 
A seguridade do paciente constitúe un factor primordial da calidade asistencial, e establécese como unha liña estratéxica dentro da Área Sanitaria de Ferrol. As persoas que traballamos na eido asistencial nesta Área estamos especialmente sensibilizados coa mellora da seguridade dos pacientes a partir da análise de situacións, problemas ou incidentes que dun xeito ou de doutro poidan ser causa de creación de risco sanitario. Nesa mesma liña consideramos esencial igualmente a seguridade do propio profesional.
 
É unha prioridade da nosa Área Sanitaria, e cando falamos de seguridade, facémolo nun senso amplo. A prestación de asistencia sanitaria actualmente está condicionada pola confluencia de distintos elementos e factores. Sen ir máis lonxe, hoxe en día, non podemos entender a asistencia sanitaria sen o emprego de multitude de dispositivos electrónicos que están conectados en rede e que, de non gardar as medidas de seguridade oportunas, poden ser afectados e causar disfuncións e alteracións no seu funcionamento, coas repercusións que se poden derivar para os pacientes.
 
É por iso que na Área Sanitaria de Ferrol contamos con ferramentas que detectan e identifican os riscos, o que permite implementar prácticas seguras para mellorar a seguridade dos pacientes, potenciar a participación dos profesionais, e favorecer o seu desenvolvemento profesional. Temos un Núcleo de Seguridade de Pacientes e de Xestión de Riscos Clínicos, que é un grupo multidisciplinar que promove a participación das e dos profesionais sanitarios na xestión da seguridade dos pacientes e a xestión de riscos clínicos.

Ademais, emprégase un sistema de notificacións de eventos adversos que permiten a comunicación e o rexistro de incidentes, circunstancias ou erros que afectan á seguridade do paciente, denominado SiNASP (Sistema de Notificación e aprendizaxe para a Seguridade do Paciente).
 
As notificacións recollidas nesta plataforma analízanse nas reunións do Grupo SiNASP. O propósito principal dos sistemas de notificación é mellorar a calidade da atención sanitaria e a seguridade dos pacientes, de tal xeito que este tipo de sistemas pretenden descubrir que é o que ocorreu ou por que, avaliar o grao no que é posible evitalo, e identificar a necesidade de implementar accións para que non ocorran casos similares no futuro.
 
Unha das súas vantaxes radica en que as leccións aprendidas por quen estivo implicado nun evento adverso se poidan compartir con outras áreas e evitar así que as mesmas situacións poidan repetirse. En definitiva, trátase de aprender dende os erros.
 
Dende tal plantexamento, un sistema de notificación permite mellorar e implementar a seguridade dos pacientes en diferentes sensos: alertando de novos riscos, compartindo a información sobre novos métodos para previr erros, revelando tendencias que requiren atención, e, tamén, recomendando boas prácticas a seguir. En definitiva, creando unha cultura de minimización do risco sanitario coa conseguinte mellora na seguridade do paciente.
 
Ademais, noutros eidos, existen protocolos de comunicación interna de alertas farmacéuticas e produtos sanitarios; e establécense reunións periódicas de riscos e oportunidades entre a dirección e os Servizos Certificados dentro do Sistema de Xestión de Calidade que, na súa adaptación continuada ás normas de calidade, erixen a detección do risco como elemento fundamental para garantir a seguridade en diversos ámbitos.
 
A Prevención de Riscos Laborais enfocada a traballar por garantir a seguridade dos e das profesionais no seu ámbito laboral diario implícase tamén na liña estratéxica da seguridade. É necesario interiorizar e incorporar esa seguridade do profesional como un elemento básico da prestación sanitaria.